Últimas noticias

« Volver
20/10
2018

A XUNTA AUMENTA O SEU COMPROMISO CO SALNÉS E DESTINA 20 MILLÓNS DE EUROS

As deputadas Marta Rodríguez Arias, Rosa Oubiña e Maribel Novo, analizaron esta mañá polo miúdo os orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 no tocante ós veciños e veciñas do Salnés e da comarca de Caldas, dúas zonas importantes dentro da provincia de Pontevedra.

O dato máis significativo e que mellor resume o compromiso do goberno autonómico é que “se aumentan as inversións en 4 millóns de euros con respecto ó pasado exercicio” ata situar o investimento real no Salnés na barreira dos 20 millóns de euros.

Marta Rodríguez Arias destacou que esta comarca volve saír reforzada no reparto de fondos rexionais. Cos datos na man demostrou que se doce meses antes ela mesma presentaba proxectos que sumaban 16 millóns de euros para esta zona, o certo é que finalmente houbo un desembolso total de máis de 17 millóns, o que produciu que se cumprisen e se mellorasen os cálculos orixinais do goberno de Feijóo.

Nese balance dos orzamentos de 2018 destacaron os 3,7M€ en programas de formación para 1.000 desempregados (6 obradoiros de emprego e 53 cursos de formación); os 3,5M€ para os peiraos da Illa, Cambados, Vilanova e O Grove; 4,3M€ para a urbanización da Rúa Progreso (Sanxenxo) e para o Plan de Sendas do Salnés; 1,4M€ para obras de saneamento na Ría de Arousa; 1,7M€ na mellora de varios centros educativos (Rosalía de Castro de Vilagarcía) ou 1,5M€ na unidade de resonancia magnética móbil. As previsións para o vindeiro exercicio 2019 confirman o incremento de inversións nesta comarca. Algúns dos proxectos máis significativos son os 2,3M€ da Consellería de Educación; 3,4M€ para Portos; 2,7M€ de Medio Rural para concentracións parcelarias ou os 1,7M€ para os 7 obradoiros de emprego previstos no Salnés para os vindeiros meses, entre outros.

Na súa comparecencia, as tres deputadas populares fixeron especial fincapé en que a análise do documento orzamentario ten que facerse desde a seriedade e o rigor, dado que ademais das numerosas partidas específicas, “con nomes e apelidos” para as distintas comarcas existen outras partidas xenéricas que tamén se traducen en recursos concretos e melloras para os cidadáns destas zonas. “O noso modelo é o do compromiso real coa comarca –advirte– e o importante non é que aparezan detalladas as partidas no documento, o realmente importante é que a Xunta destine eses fondos, e si o fai”, explicou Marta Rodríguez, que puxo en valor o esforzo das diferentes consellerías para conformar uns orzamentos adaptados ás necesidades dos galegos. Nesta mesma liña, Rodríguez Arias destacou que sempre hai máis marxe para aumentar investimentos, e puxo como exemplo que “as últimas veces que o alcalde de Vilagarcía foi á Xunta volveu cun proxecto e con fondos baixo o brazo, e como el poden facelo os demais rexedores”.

Nesta mesma liña a deputada vilagarciá defendeu que o modelo do Partido Popular e do goberno da Xunta de Galicia é “o das persoas”, mentres que o da oposición é o de “retorcer as cifras e xerar ruído mediático”. Sobre este feito lamentou que “algúns partidos e deputados critican os orzamentos antes incluso de ler e estudar o documento”. Pola súa banda, Rosa Oubiña destacou que o de 2019 é un “orzamento social”, onde destacan as inversións en Educación, Sanidade e Servizos Sociais. A deputada arousá puxo o acento na “política en positivo” que segue a poñer en marcha o goberno da Xunta e na clara aposta autonómica dos últimos anos en materia de rebaixa fiscal. Sobre o caso concreto da comarca e de Cambados, lembrou que “os fondos para a praza de abastos da localidade están listos para cando o goberno local socialista queira” e destacou a inversión adicada ó Centro de Día. Oubiña puxo de relevancia que “en Galicia estamos moito mellor que noutras Comunidades, onde non dependemos de ninguén de fóra, porque as políticas da Xunta son as que precisan os galegos e galegas”.

PROXECTO DA VÍA VERDE

A deputada de Portas, Maribel Novo, anunciou sobre o proxecto da Vía Verde que recentemente se celebrou unha xuntanza de traballo en Caldas para retomar as negociacións do futuro vial que conectará Vilagarcía, Caldas e Portas polas antigas vías ferroviarias. A popular destacou que recentemente se produciron cambios no organigrama do goberno autonómico e que un deles afecta directamente a esta área, polo que se está empezando a recuperar esta idea. Na súa comparecencia Novo apuntou que “hai un compromiso para revisar todo o proxecto da Vía Verde” e que para o vindeiro mes de novembro haberá unha nova reunión na que estarán presenten os tres concellos.


Recibe nuestras noticias

 Al introducir tu correo aceptas nuestra política de privacidad


Síguenos en

Enlaces de interés

Diseño Diseño Web Galicia - Desarrollo de Páginas Web - Dos Espacios
© 2010 PP Vilagarcía de Arousa