O vindeiro xoves 25 de xuño, Ravella celebrará o seu pleno ordinario. O Grupo Municipal do PP de Vilagarcía eleva ó debate político a seguinte moción sobre Alcoa:
"Desafortunadamente, cumpríronse os peores pronósticos e, neste momento, a factoría de Alcoa en San Cibrao enfróntase á ameaza real de poñer fin á produción de aluminio primario, unha materia básica e esencial para a nosa economía, especialmente para sectores moi importantes como a construción, a automoción ou as TIC, por citar algúns exemplos.
Con todo, a peor das noticias é que esta decisión anunciada pola multinacional pode supoñer a perda de 700 empregos entre directos e indirectos, afectando á todas as familias que viven desta industria, especialmente na Mariña Lucense.
Esta situación prodúcese porque non dispoñemos dun prezo eléctrico competitivo co resto de Estados europeos. O Goberno de España, que ten a competencia sobre a lei do sector eléctrico, leva 19 meses sen atender ao que lle dicimos desde Galicia: aprobación inmediata dun Estatuto para os consumidores electrointensivos que teña en conta as alegacións feitas pola Xunta, en consenso coa industria e cos traballadores afectados. Unhas alegacións que comparten os Gobernos de Asturias e Cantabria.
Polo tanto, non hai más tempo que perder e o Goberno central debe asumir como máxima prioridade a aprobación urxente dos mecanismos que permitan contar cun prezo eléctrico competitivo e estable para a factoría de Alcoa San Cibrao e o conxunto da industria electrointensiva galega para que poidan operar en igualdade de condicións co resto de Europa.
Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal Popular presenta a seguinte moción para a aprobación polo Pleno da Corporación dos seguintes ACORDOS:
- Manifestar o apoio da institución aos traballadores e traballadoras afectados directa e indirectamente polo anuncio de peche da produción de aluminio en Alcoa San Cibrao.
- Solicitar ao Goberno de España que sexa contundente á hora de defender a continuidade da produción de aluminio primario en España e busque unha solución inmediata para que non paren as cubas, así coma para que ningunha persoa traballadora perda o seu emprego, que inclúa as seguintes medidas:
o Aprobar de maneira inmediata o Estatuto de Consumidores Electrointensivos coas alegacións presentadas ao borrador polos traballadores, os gobernos de Asturias, Cantabria e Galicia e pola propia industria electrointensiva.
o Convocar urxentemente a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre de 2020, polo menos, co mesmo importe que o pasado ano, con bloques de MW para as empresas hiper-electrointensivas.
o Autorizar o máximo importe permitido pola Unión Europea para compensar os custos indirectos de emisións de CO2.
o Elaborar un plan específico para este sector co obxectivo de optar aos fondos que ten previsto repartir a UE para impulsar unha recuperación sostible, equitativa, inclusiva e xusta a través dunha resposta eficaz en favor dunha Europa ecolóxica, dixital e resiliente.
- Solicitar da Xunta de Galicia que manteña a súa lealdade institucional e a súa oferta de colaboración co Goberno na posta en marcha destas medidas, como ten feito de maneira permanente desde que saltaron as primeiras alarmas en outubro de 2018.
FOTO: XUNTA DE GALICIA