Os deputados autonómicos e representantes do Salnés, Elena Suárez e José Manuel Cores Tourís, fan balance dos orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para o vindeiro 2021, “un ano clave para esta comunidade e para as persoas que vivimos nela”. Ambos defenden que o documento das contas é responsable, valente e comprometido con Galicia para combater unha situación crítica e inédita”, e que ademais “é fiel reflexo da maneira de gobernar do Presidente Feijóo, que é a quen sempre respaldan os galegos e galegas”.
A primeira cifra destacada son os 3.426 millóns de euros que lle corresponden á provincia de Pontevedra e que van a repercutir en servizos e melloras, directas e indirectas, para todos os pontevedreses. Destinaranse así 3.439 euros por cada habitante da provincia, o que supón un incremento do 7% (239 euros máis por persoa) con respecto ó exercicio 2020. “Queda patente que a Xunta segue a anticiparse e a destinar os recursos que fagan falla para facer fronte a unha situación nunca antes vista”.
Con respecto á comarca do Salnés, nas contas autonómicas destacan partidas como os 4 M€ da Consellería do Mar, dos que 2,2 M€ serán para a operatividade do Servizo de Gardacostas; 3,6 M€ da Consellería de Educación e Cultura, centrados na rehabilitación integral de centros educativos; 2,8M€ de Augas de Galicia; dúas partidas (600.000€ de Sanidade e 841.500 euros de Presidencia para gastos extraordinarios da Covid-19) que suman 1,4M€; 1,1M€ para desenvolvemento de infraestruturas de Medio Rural (como as concentracións parcelarias de Tremoedo e Baión, en Vilanova; a de Oubiña, en Cambados ou a de Nogueira, en Meis) ; 903.379 euros do Sergas; 796.023€ para a modernización tecnolóxica ou 346.033 euros para Turismo, entre moitas outras.
A estas partidas hai que engadir inversións propias e asignadas integramente a concellos, como os 499.997€ para a mellora de saneamento exclusivo de Cambados; os 500.001€ para a mesma finalidade en Vilanova e os 525.000€ na Illa de Arousa. Neste último municipio resérvanse 10.000€ para a formación en Acuicultura. Finalmente, en Sanxenxo destinaranse 455.725€ para a construción do novo CEIP Villalonga. O saneamento, a Educación, o Medio Rural, a Sanidade e a vixilancia do mar para a loita fronte ó furtivismo protagonizan a maioría dos proxectos dos distintos concellos. Hai que engadir outras partidas xenéricas que cubrirán servizos básicos da comarca como Axuda no Fogar, o CIM ou o Spad, que tamén son “vitais”.
Pola súa banda, Vilagarcía, a terceira cidade da provincia, destaca no reparto de fondos autonómicos con máis de 7,6 millóns de euros, dos que 5,1 millóns pertencen a distintas partidas compartidas co resto da comarca e 2,5 millóns son inversións “con nomes e apelidos”. Delas, as máis importantes son os 1.014.400€ (1M€) para o Hospital do Salnés. Trátase do proxecto de central de esterilización do material sanitario, un importante avance que reforza o servizo que este centro hospitalario ofrece a toda a comarca. A isto hai que engadir os 930.786 euros do Intecmar de Vilaxoán e os 555.000 euros en saneamento, para Vilagarcía, da ría de Arousa.
Máis alá do detalle dos particulares de cada municipio, a Xunta transmite as súas liñas básicas de goberno a través destes orzamentos. Reforza Sanidade con 475 M€, Educación con 166 M€, Políticas Sociais con 126M€ e Emprego con 97M€. “É o orzamento máis alto e ambicioso da Historia, sen subas de impostos nin de soldos do executivo, como quixo facer o PSOE no Goberno e na Deputación e ó final tiveron que recuar”.
Suárez e Cores Tourís destacan tamén que “o feito de investir 4 de cada 5 euros das contas a gasto social, na actual tesitura derivada da pandemia, é sinónimo de que Galicia ten un goberno que prioriza ás persoas e ás súas necesidades sen descoidar a necesaria reactivación económica”. É precisamente a folla de ruta dos gobernos de Alberto Núñez Feijóo, que fan que este executivo sexa o que máis se parece ós galegos”.
Sobre a sempre previsible postura da oposición no Parlamento de Galicia a estas contas, a deputada vilagarciá advirte que “calquera crítica do BNG e do PSOE a estas contas é froito do máis puro descoñecemento da realidade de Galicia e de como afrontar unha situación extrema como a que estamos a vivir, ó que se engade a súa habitual obsesión partidista por atacar á impecable xestión social e económica do Presidente Feijóo".
“Non dubidamos de que os dous partidos da oposición están máis pendentes de facer lecturas negativas que de propoñer alternativas que melloren a vida dos galegos e galegas, como tampouco dubidamos de que estas son as contas que precisamos para reactivar Galicia de cara ó futuro”. O goberno autonómico non vai perder nin un só minuto en entrar a discutir con aqueles que non buscan máis que ruído mediático porque a súa responsabilidade é que o 2021 arranque cuns novos orzamentos que permitan cumprir os novos retos desta comunidade”.