Despois de coñecer a partida específica de 10,4 millóns previstos para Vilagarcía nos orzamentos presentados pola Xunta de Galicia, a deputada Elena Suárez aplaude o que cualifica de “aposta decidida do goberno galego pola nosa cidade” e que se traduce nun aumento da inversión autonómica na capital do Salnés de case un 30% respecto ás contas do pasado ano.
Trátase duns orzamentos que supoñen para a deputada arousá un “claro contraste coas contas do Goberno de España, quen polo momento non ten prevista ningunha partida específica para Vilagarcía e que destina cinco veces menos que a Xunta á comarca do Salnés”. Unha comparativa que Elena Suárez extende á Deputación de Pontevedra: “Carmela Silva presume de que nos últimos seis anos investiu 100 millóns nesta comarca, pero na realidade iso supón tan só unha media de 16,6 millóns anuais. Menos da metade que a Xunta”.
Nesta liña, Suárez fai referencia tamén ás declaracións públicas do deputado socialista Julio Torrado, quen “durante os últimos días recorreu á súa típica retórica demagóxica para criticar supostos recortes na sanidade pública galega”. Unhas declaracións ante ás que a deputada popular replica: “¿Aumentar en 269 millóns o gasto sanitario e destinar un terzo dese gasto á Atención Primaria pódense considerar recortes?”.
“Uns orzamentos que apostan pola comarca do Salnés”
As partidas máis importantes e previstas para Vilagarcía nestes orzamentos corresponden a proxectos como a creación da estación intermodal (1.339.591 euros), obras de saneamento e depuración (1.646.824 euros), creación dunha área de esterilización no Hospital do Salnés (769.618 euros), melloras no Intecmar (884.378 euros), redacción do proxecto do novo centro de saúde (100.000 euros) e ampliación da EEI Vagalume (635.571 euros).
Trátase dun conxunto de proxectos que fan de Vilagarcía a cidade con máis actuacións previstas dentro da comarca do Salnés, que no seu conxunto recibirá un total de 38.581.524 euros. Unha cifra que se verá ampliada a través dos distintos plans, convenios e ordes de axudas que aínda non están concretados pero que se deseñarán en función dos proxectos que presenten os concellos ou as necesidades que detecte a administración.
“Os proxectos actualmente previstos para a comarca do Salnés reflexan a aposta decidida do goberno de Alberto Núñez Feijóo polo desenvolvemento social e económico da nosa comarca a través de aspectos tan fundamentais como son a sanidade, a educación, as infraestruturas e o sector marítimo-pesqueiro”, engade a este respecto Elena Suárez.
Como deputada autonómica pola provincia de Pontevedra, Suárez celebra o investimento total destinado a esta provincia e que se sitúa en 3.379 millóns de euros (3.584 euros por habitante). O cal “supón que, de media, a Xunta investirá 145 euros máis por habitante na nosa provincia”.
Suárez ten claro que, en conxunto, as contas da Xunta para o vindeiro ano “demostran o compromiso do goberno galego por apoiar ás familias á través da rebaixa de impostos como o IRPF para as rendas medias e baixas e o Imposto de Transmisións Patrimoniais”. Unha política que “demostra que se pode rebaixar a carga fiscal e á vez reforzar a sanidade, a educación e as políticas sociais” e que ademais “permite que as familias galegas conten con máis dispoñibilidade de cartos para apoiar á nosa economía a través do
consumo”.