O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá o remate das obras de mellora dunha nova fase dos aseos do CEIP Rosalía de Castro de Carril en Vilagarcía de Arousa.
Na visita, Cores Tourís estivo acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia,
César Pérez Ares e membros do servizo da Unidade Técnica deste departamento.
As obras, cun orzamento global de case 60.000 euros permitiron, entre o ano pasado e este, executar a mellora de un total de seis baños, algúns deles adaptados para persoas con mobilidade reducida. Tamén se destinaron outros 6.000 euros para a reforma da carpintería exterior do centro, en concreto, na área de Infantil.
“Deste xeito seguimos a dar solución a unha importante demanda da comunidade educativa deste centro, e continuaremos no futuro mellorando estas instalacións, co cambio de máis carpintería exterior para o próximo período estival, aínda que lamentamos a falta de implicación do actual grupo de Goberno local, que se comprometeu en asumir o cambio destas ventás, e finalmente, ten que ser a Xunta quen a executase pola súa inacción”, explicou Cores Tourís, quen destacou a implicación da Consellería de Educación cos centros educativos de Vilagarcía onde, nos últimos anos, executáronse obras de mellora en Primaria e Secundaria por máis de 4,2 millóns de euros.
De feito, Cores Tourís recordou que ao longo deste ano levaranse a cabo unhas importantes
obras de eficiencia enerxética no CEIP Arealonga, que suporán un investimento de 616.710
euros neste colexio e que suporán a substitución das carpinterías exteriores por carpinterías de aluminio; o recheo da cámara de aire da fachada, o illamento do baixo cuberta e a substitución da iluminación por luminarias led; tamén o cambio de algunhas divisións interiores de ladrillo cara visto e de paneis de madeira por tabiques autoportables de dobre placa de xeso. Ademais, tamén se pintarán as portas e se cambiarán as que estean en mal estado, pulirase o pavimento do terrazo e trataranse os beirados.
No caso concreto do CEIP Rosalía de Castro de Carril, nos últimos anos, investíronse preto
de 310.000 euros neste centro en obras como a reparación da cuberta, o cambio da
instalación eléctrica, a reforma do comedor, o cambio de tubaxes ou a cuberta nova do
soportal.