Últimas noticias

« Volver
3/12
2020

SUÁREZ URXE A RAVELLA A CEDER TERREOS APTOS PARA UN NOVO CENTRO DE SAÚDE

“Os anos que leva Alberto Varela á fronte de Ravella supoñen un grave freo e un enorme obstáculo para a creación dun novo centro de saúde en Vilagarcía”, explica Elena Suárez desde o Parlamento de Galicia. A deputada vilagarciá, gran coñecedora da necesidade de xerar nos espazos de atención primaria na cidade explica que “o único responsable de que Vilagarcía non teña hoxe en día un novo ambulatorio é Alberto Varela Paz por non ter ofrecido á Xunta terreos aptos para a construción dun novo edificio”, e engade que a razón que se agocha detrás de esa lesiva inoperancia política é “o ilóxico capricho deste alcalde e do seu partido”.

Para Suárez, “falta dar o primeiro paso que si están dando outras localidades gobernadas por alcaldes e alcaldesas de distintos signo político que, a diferenza do que ocorre na cabeceira da comarca do Salnés, si priorizan os intereses da cidadanía e non os dos seus partidos”.

A deputada autonómica popular urxe ó alcalde socialista a que lle ceda á Xunta terreos aptos para a construción dun novo ambulatorio. A propia Suárez salienta que “existe un fondo dun millón de euros para redactar proxectos de novos centros de saúde en Galicia, sempre e cando se lle ofrezan ubicacións axeitadas á Consellería, que cumpran cos requisitos básicos e que superen os informes e esixencias técnicas, e a Comandancia non o fai”. “É moi grave pecharse en banda defendendo o indefendible sen buscar outras alternativas. Ese é o interese real dos socialistas en materia de Sanidade”.

Os populares instan ó rexedor a que “aparque a súa cabezonería” e lle ofreza dunha vez por todas á Xunta unha parcela que si reúna as condicións técnicas precisas para un novo espazo de Saúde para Vilagarcía, tal e como se comprometeu en marzo de 2017. “Leva anos freando conscientemente o proxecto. Parece que non quere un novo ambulatorio. Estamos a perder oportunidades mentres outros concellos terán en breve novos centros para a súa veciñanza”.

Suárez lamenta que o Psoe de Vilagarcía leve anos sen ter un “Plan B” despois de que os informes técnicos descartasen, por “non apta”, a opción da Avenida da Mariña. “É unha insensatez seguir defendendo unha opción que non reúne as especificacións básicas. ¿Non hai máis parcelas en toda Vilagarcía ou é que saben que é imposible e só buscan atacar á Consellería a costa das necesidades sociosanitarias da cidadanía?”, pregúntase a deputada vilagarciá.

Mentres Vilagarcía segue perdendo tempo e oportunidades, o goberno da Xunta de Galicia reforza a área de Sanidade con 475 M€. Nesta cidade investirá ademais 1,1 millóns na nova Central de esterilización do Hospital do Salnés e 370.000 euros máis en distintas melloras no centro de San Roque. “A Xunta aposta decididamente pola Saúde incrementando partidas e destinando 4 de cada 5 euros dos orzamentos a fins sociais, mentres Ravella segue enrocado nunha proposta non apta, freando o desenvolvemento dun novo centro de saúde en Vilagarcía, tan necesario, especialmente en tempos de pandemia. As diferenzas son abismais e por iso o Partido Popular conta coa confianza e a maioría absoluta dos galegos e o PSOE é hoxe a última forza do Parlamento, nun evidente declive político”.


Recibe nuestras noticias

 Al introducir tu correo aceptas nuestra política de privacidad


Síguenos en

Enlaces de interés

Diseño Diseño Web Galicia - Desarrollo de Páginas Web - Dos Espacios
© 2010 PP Vilagarcía de Arousa